Coa finalidade de realizar unha interpretación o máis obxectiva posible do rico patrimonio cultural de Aguiño deseñáronse tres tipos de rutas culturais:
Ruta do Sal: esta ruta levará ao visitante a coñecer de primeira man os inicios da industria da salgadura e da conserva que trouxeron os fomentadores cataláns. Os almacéns son os nomes que lle deron os galegos ás primeiras fábricas de salgadura que construíron os cataláns a partir da súa chegada ás costas galegas, aló polo ano 1750. As conserveiras foron as primeiras fábricas que comezaron a enlatar produtos que proviñan da pesca, inicialmente sardiña e arenque, a principios de 1900. Así o visitante, farase unha idea sobre a forma de vida da poboación local, os almacéns máis importantes, as familias máis influentes da época, o modo de produción, etc.
Ruta das Cruces: ao longo desta ruta o visitante poderá apreciar o mundo espiritual que define as crenzas do mariñeiro e das súas familias. Poderá entender cómo foron cristianizados os lugares pagáns e como a súa simboloxía se estende a todas as facetas da vida, incluso á actividade pesqueira.
Ruta da Prehistoria: nela o visitante poderá entender como se construían as antigas fortificacións castrexas, como era a vida no poboado, como se dividía o traballo na comunidade, de que se alimentaban, cales eran os seus obxectos de culto, e incluso, que era o que pensaban os primeiros moradores da zona.
Para cada unha das rutas podes descargar unha guía de visita, en formato .pdf, así como un arquivo .kml que che permitirá visualizar a través de Google Earth* a posición xeográfica dos principais puntos de interese.
As guías de visita conteñen fotografías e descricións detalladas que axudarante a identificar, dunha maneira ordenada e clara, o patrimonio a visitar e a coñecer a súa historia. Ademais, a localización e identificación no Google Earth das principais mostras patrimoniais de Aguiño che será de gran utilidade á hora de planificar un percorrido turístico.
*Google Earth é unha aplicación de escritorio, se non a tes instalada podes descargala aquí.