Memoria 2025
O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR desenvolveu 59 proxectos e servizos ao longo de 2025 da man de 182 socios de 32 países do mundo
- O Centro Tecnolóxico do Mar presenta na súa memoria os logros derivados das accións levadas a cabo cara a impulsar a innovación, a sostibilidade e o coñecemento aplicado ao mar, así como o avance dunha economía azul responsable e resiliente
O Centro Tecnolóxico
do Mar-Fundación CETMAR coordinou e
participou ao longo do ano 2025 nun total de 59 proxectos e servizos, unha
actividade para a que contou coa colaboración de 182 socios con sede en 32
países do mundo. Así o recolle a Memoria 2025 da institución, unha publicación
que xa está dispoñible na súa páxina web, e que resume os logros do centro na loita contra a
contaminación mariña, na xestión dos recursos pesqueiros, na adaptación ao
cambio climático, ou na observación oceánica e no fortalecemento da economía azul, entre outras
liñas de actuación.
Do total das 59
accións levadas a cabo por CETMAR -37 servizos e 22 proxectos de
investigación-, 33 foron de ámbito internacional e 26 de ámbito nacional,
desenvolvéndose neste último a maioría dos servizos, mentres que 7 de cada 10
proxectos traspasaron as fronteiras nacionais.
Un equipo composto
por 62 profesionais de ámbitos tan diversos como as ciencias do mar, a
bioloxía, a enxeñería, o dereito, a economía, o xornalismo, as ciencias
políticas ou a filoloxía, entre outros, fixeron posible o desenvolvemento de
todas estas accións, cun traballo diario para apoiar aos sectores da pesca, o
marisqueo e a acuicultura, aos sectores da economía azul, ás administracións
públicas e as organizacións profesionais, científicas e sociais, e, sobre todo,
a todas aquelas persoas que dependen dos
ecosistemas mariños.
Toda esta labor foi
posible grazas ao respaldo económico de máis dunha vintena de fontes de financiamento,
a maioría de ámbito autonómico ou europeo, como a Xunta de Galicia a través da
Consellería do Mar, entre outros departamentos da administración galega, ou a
Unión Europea, que apoiou a actividade de CETMAR en cerca de 30 das accións
desenvolvidas.
Para desenvolver o
seu traballo, a fundación galega asociouse con máis de 180 centros de
investigación ou tecnolóxicos (48), ademais de administracións (31),
universidades (36), empresas (21), entidades e asociacións (29) e co propio
sector pesqueiro. Estes socios procedían de 32 países do mundo, como Portugal,
Francia, Italia, Grecia, Turquía, Dinamarca, Irlanda ou Reino Unido, pasando
por outros países de África e América Latina (Perú, Honduras, Costa Rica, O
Salvador, Namibia, Senegal ou Sao Tomé e Príncipe), onde se desenvolveron máis
dunha ducia de proxectos e servizos no ámbito da cooperación Internacional.
Moitas destas
accións, relacionadas na Memoria 2025 nos ámbitos de loita contra a
contaminación mariña, xestión de recursos e xestión e transferencia de
tecnoloxía, gobernanza mariña, análise de datos e observación mariña, a
formación ou a cooperación, seguen o seu curso neste 2026, ano en que o Centro
Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR cumpre 25 anos.
Para festexar este aniversario, a institución galega ten preparado un amplo programa de actividades no mes de xuño (feira científica LonxaLAB, diálogos do mar, regata de embarcacións solares), ao tempo que renova o seu compromiso de seguir acompañando ás persoas que viven do mar, impulsando o coñecemento e reforzando a sostibilidade dos océanos.
https://cetmar.org/wp-content/uploads/2026/04/foto-web-300x217.jpg 300w, https://cetmar.org/wp-content/uploads/2026/04/foto-web-768x556.jpg 768w, https://cetmar.org/wp-content/uploads/2026/04/foto-web.jpg 1096w" sizes="(max-width: 1024px) 100vw, 1024px" />
- Inicie sesión para enviar comentarios
- Artículo Orixinal
- Original Comments






